Balnearios de Galicia defende as redes sociais como “potente arma de márketing”
A Asociación participou nunha xornada sobre turismo de saúde e benestar na cidade lusa de Porto
Benigno Amor interveu ante un cento de profesionais do sector e autoridades de Galicia e o Norte de Portugal, coa asistencia dun cento de persoas entre autoridades dos dous lados da raia e profesionais.
Santiago de Compostela, 14 de xullo 2009 (Vía Láctea Comunicación).
A Asociación Balnearios de Galicia participou recentemente nunha xornada sobre turismo de saúde e benestar, que organizou na capital do Douro o organismo Turismo do Porto e Norte de Portugal, coa asistencia dun cento de persoas, entre autoridades dos dous lados da raia e profesionais do sector.
Benigno Amor na xornada de Porto
Nun panel de expertos onde se explicaron distintas experiencias locais, nacionais e internacionais, Benigno Amor –xerente da Asociación Balnearios de Galicia– subliñou a importancia da Internet e avogou polas redes sociais como novo elemento de márketing e promoción. Tras indicar que o termalismo é un subsector de tradición milenaria e raíces romanas, Amor presentou www.balnegal.com, a central de reservas da Asociación de activación recente na web, que “nos permitirá competir coas grandes cadeas turísticas, posicionarnos como referente da distribución electrónica, automatizar o proceso de transmisión á cadea de valor das condicións fixadas por cada balneario reducindo custes e ofrecer información fiable, pertinente e precisa como factor clave de éxito”, segundo explicou.
Amor tamén fixo unha defensa rotunda das redes sociais como “potente arma de márketing e promoción, que debemos explorar e explotar. En tempos de crise económica, cómpre chegar ao maior número de usuarios coa maior rapidez posible. De aí que a blogosfera e as redes sociais sexan o camiño”. Tamén lembrou que os establecementos galegos fixeron “importantes investimentos en innovación e mellora das instalacións” durante os anos oitenta e noventa, e que agora se incentiva a excelencia e innovación nos servizos; idea na que coincidiron a maioría dos expertos asistentes.
Pola súa parte, a Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, defendeu na súa intervención “alianzas estratéxicas entre Galicia e o Norte de Portugal, así como a atracción de investimentos públicos e privados”. Á xornada, que resultou frutífera segundo voces autorizadas de Portugal e Galicia, tamén acudiu en representación de Balnearios de Galicia o director xeral de Caldaria, Javier Soto.
Páginas:












