Archivo para Septiembre 2nd, 2010

A Consellería de Educación e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia asinan un convenio para formación do alumnado de FP

Jueves, 2 Septiembre, 2010

Os estudantes de FP poderán completar a súa formación nas instalacións dos balnearios, de cara a favorecer a súa inserción laboral

A Asociación de Balnearios de Galicia asinou esta mañá un convenio coa Consellería de Educación
Con este acordo contribuirase á creación de novas empresas vinculadas ao termalismo na comunidade

Santiago-Ourense, 23 de xullo de 2010 (Vía Láctea Comunicación).- O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña de la Viña, asinaron esta mañá un convenio destinado á colaboración educativa no marco das ensinanzas de Formación Profesional. Tamén asistiron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, e o xerente da Asociación de Balnearios, Benigno Amor Barreiro. A sinatura tivo lugar no hotel balneario de Laias, no concello ourensán de Cenlle.

P7230001

En virtude deste convenio, os alumnos que cursen FP, nas ramas vinculadas aos diversos postos de traballo que se desempeñan nun balneario, poderán completar os seus estudos nos centros termais, de cara a favorecer a súa inserción laboral. Trátase de titulacións como hostelería, imaxe persoal, mantemento de instalacións e as relacionadas co ámbito sanitario. “Este acordo é de especial importancia para a preparación dos futuros profesionais galegos, o que redundará nunha maior calidade do servizo prestado nestes balnearios” e contribuirá a dar “un forte pulo a un dos sectores de vangarda e futuro de Galicia, como é o da actividade balnearia, con tanto peso no noso turismo” -declarou o conselleiro-.

A Asociación de Balnearios, en colaboración cos seus vinte balnearios asociados, creará un programa de bolsas de formación. Estas bolsas estarán destinadas aos estudantes máis sobresaíntes e aos propios titulados, cunha duración que oscilará entre os dous meses e un ano.

23_7_10_balnearios1

Por outra banda, “promocionarase o emprendemento entre os titulados de Formación Profesional, coa finalidade de que se animen a crear unha empresa integrada na cadea de valor do termalismo” sinalou o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor Barreiro-. Non se trata só de balnearios, senón que o ramo termal abrangue tamén a outras empresas proveedoras de servizos e productos para o sector como enxeñarías, laboratorios, casas de cosmética,…

Ademais, entre o alumnado deste ámbito educativo promoveranse as ensinanzas vencelladas ao eido termal, así como as súas saídas laborais.

Os balnearios formarán aos profesores dos centros educativos

No marco deste convenio está prevista a organización de cursos, seminarios, estudos… sobre temas de interese común, tanto para o persoal dos balnearios como da Consellería de Educación. A Asociación de Balnearios orientará aos profesores dos centros educativos sobre o traballo que se desenvolve nas instalacións termais. Os docentes terán ademais a oportunidade de realizar estadías de formación nos propios balnearios.

En particular realizaranse accións formativas destinadas á dirección de equipos e tamén á prevención de riscos profesionais, dirixidas tanto aos alumnos como aos docentes de FP. Así mesmo, fomentarase a formación en idiomas dos traballadores dos balnearios, coa intención de favorecer a presenza dun maior número de visitantes estranxeiros.

Os balnearios galegos teñen “unha enorme capacidade para crear emprego de calidade”

Dentro do convenio se contempla tamén a formación en idiomas dos traballadores dos balnearios. “A sinatura deste convenio mostra, por un lado, a aposta da Admistración autonómica polo sector e, polo outro, o compromiso dos balnearios galegos a prol da economía sostible” -declarou o xerente da Asociación, Benigno Amor-. Nesta liña, asegurou ademais que “en Galicia o sector ten unha enorme capacidade para crear emprego de calidade en zonas donde non o hai”. E apuntou que esta colaboración no eido da Formación Profesional contribuirá a favorecer o xurdimento de novas empresas vencelladas ao termalismo na comunidade galega.

Este convenio terá unha vixencia de dous anos, podendo prorrogarse por acordo entre as dúas partes.