O fogón, que segue a prenderse no inverno, convida a recollerse, a ler ou parolar mentres do outro lado das cristaleiras do salón asoman as copas do incrible canaval que, ao parecer, plantou a principios do XX un antepasado que viaxou ás Filipinas e a quen, probablemente, se deba parte do regusto colonial do edificio de 1780.
A actual é xa a sexta xeración da mesma familia a que se ocupa deste balneario levantado sobre unha fonte na que xa se somerxÃan probablemente os celtas, polo que a vocación por conservar todo o conservable apálpase en cada recullo: os mobles de época, os espellos, as portas de cristal biselado, as lámpadas e incluso algún dos aparellos de inhalacións; todo restaurado e perfectamente operativo. Outra máis das súas peculiaridades é a elevadÃsima temperatura á que traballan as augas, 48º, a posibilidade de reservar a piscina termal pequena para bañarse acompañado unicamente das persoas que un desexe, ou que, ao estar no Camiño de Santiago, sexa tradición lavar os pés nas súas augas ou nas da burga da entrada.